(Nas imaxes reproducimos a acta do xurado e fotografías da entrega, na primeira todas tres premiadas na categoría xuvenil coa escritora Charo Golmar) (Fonte: A. C. Mestre Gacio)
Claudia Carreira Devesa, alumna de 2º da ESO no IES Lamas de Abade e Jimena Martínez Fernández, alumna de 3º da ESO, veñen de ser galardoadas co 2º e o 3º premio, respectivamente, da categoría B (Xuvenil) no IX Certame Literario convocado pola Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas narracións tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro.
Claudia presentou o relato titulado Xande, mentres que Jimena titulouno Mulleres sagradas nun lugar sagrado. Velaquí a Acta do xurado:
-ACTA-
Sendo as 15 horas do 13 de Nadal de 2024, o xurado do IX Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio, acorda:
Categoría A:
1º Premio: Voar libre, paxaro de Fátima de la Iglesia Lobato.
2º Premio: A rúa da raíña Lupa de Mauro Requeijo Álvarez.
3º Premio: Nico e a cova de Marcos Constela López.
Categoría B:
1º Premio: Epidemia mitolóxica de Adriana González Leira.
2º Premio: Xande de Claudia Carreira Devesa.
3º premio: Mulleres sagradas nun lugar sagrado de Jimena Martínez Fernández.
O xurado valorou a numerosa participación, así como a alta calidade dos textos presentados e orixinalidade.
Destacar o coñecemento do Pico Sacro por parte das autoras e autores, así como a paixón narrativa e a riqueza de vocabulario.
O Pico Sacro segue a xerar talentos para a nosa literatura, sendo unha referencia literaria de primeira índole para as novas xeracións.
O xurado:
Yolanda Vázquez Fernando González Charo Golmar
Secretaria Vogal Vogal
Os nosos parabéns a Claudia Carreira Devesa (2º ESO) polo 2º premio e a Jimena Martínez Fernández (3º ESO). E velaquí os relatos premiados:
Xande.
Por Claudia Carreira Devesa
En tempos pasados, cando a néboa cubría os lugares máis altos de Galicia, o Pico Sacro non só era un lugar oculto, tamén era o fogar dun antigo dragón. Un ser de douradas escamas, largas garras e feroces dentes que segundo contaba a lenda tiña unha xema co poder suficiente para facer invencible a quen a posuíra. Durante séculos Xande, o dragón, matou a todo aquel cabaleiro, mago ou bruxa que se lle acercara.
Lúa unha xove guerreira estivo décadas indagando sobre Xande ata que un día decidiu que era hora de ir a pola xema. Facía un par de anos un terrible pobo de bárbaros arrasou as terras de Galicia nunha guerra e Lúa sempre soñou con arranxar ese problema coa xema máxica. Despois dunha larga semana de preparación marchou cara ao Pico Sacro en busca de Xande. Subiu á montaña en apenas, tres días, a pesar da néboa, grazas aos mapas que logrou conseguir. Cando chegou arriba non tiña nin idea de que facer así que optou por berrar: - Xande, móstrate ante min para entregarme a xema por fin!
Esa frase era dun conto que sempre lle lía a súa nai cando era pequena. E de súpeto abriuse unha rocha e apareceu un pasadizo secreto. Lúa entrou con moito coidado e empuñando a súa espada. Viu unha gran sombra e entendeu que Xande estaba detrás dela.
Non lle entreguei a xema a ningún dos teus compañeiros, que che fai pensar que es diferente a eles?
Eles viñan a polo poder, pola codicia, polo recoñecemento pero eu veño para salvar Galicia. Para que ninguén volva a pasar fame, frío e sobre todo que nin unha soa persoa teña medo. Porque o peor de todo é non ter claro se espertarás ao día seguinte ou se o farán os teus amigos e familiares. Eu veño para salvar ao meu pobo, non para salvarme a min. Eu veño a por esa xema e non penso volver coas mans baleiras!
De súpeto unha luz cegadora saíu da xema que tiña Xande na man e dixo unhas palabras que se lle cravaron a Lúa no máis profundo do seu corazón: - Tes un corazón puro de verdade, Lúa, salva o teu fogar.
E o gran Xande, ese dragón tan temido desapareceu e a pedra preciosa caeu ao chan. A nena correu para collela con lágrimas nos ollos e desexou que Galicia volvese a ser coma antes. Pouco a pouco comezou a marearse e caeu inconsciente. Ao espertar estaba na súa cama e saíu correndo ao exterior para ver se fora un soño. Cando viu a súa terra como antes da traxedia caeu de xeonllos e comezou a chorar como facía tempo que non choraba.
- Grazas Xande, prometo polo que máis quero que xamais esquecerei o que fixeches por min.
E esas palabras levounas o vento, pero ela sabía que serían eternas.
*
Mulleres sagradas nun lugar sagrado.
Por Jimena Martínez Fernández
Esta historia comeza cando, por casualidades da vida, quixen acampar e rematei no interior do Pico Sacro cunha compañía xenial.
Antes de todo vou contar un pouco sobre a miña existencia e do porqué desta acampada. Son unha persoa moi curiosa e considérome bastante intelixente. O problema chega cando hai que pórse a estudar e a atender en clase. Resúltame un inferno seguir o fío dunha monxa que estou segura de que probablemente nin ela saiba do que está a falar. En fin, que a curiosidade, a rebeldía e o pouco interese polo temario tradicional que hai que chapar convértenme nunha rapaza estraña. Para min iso significa interesante, o que quere dicir que me xunto con xente igual de “interesante” ca min. A miña mellor amiga leva comigo desde pequena e a medida que pasaba o tempo máis raras nos faciamos. Eu vou todo o tempo cos meus auriculares e co meu sketchbook e Bea leva saias hippies e pendentes moi grandes, deixa a súa melena longa e rizada ao libre movemento e dálle igual a opinión dos demais.
Aínda que pareza mentira no pleno século XXI seguen existindo os colexios de monxas e non entendo como os nosos pais creron que sendo como somos era boa idea estar aquí. De pequena aínda disimulabamos pero é que agora dános igual e levamos varios berros ao día simplemente por ser como somos realmente e por evolucionar dunha maneira distinta á do resto.
O punto importante da cuestión é que as dúas somos afeccionadas á historia universal e amamos as mulleres feministas que se rebelaron contra o sistema.
A semana pasada, na clase, faláronnos da suposta lenda do Pico Sacro, e a ver, o que se di entender, non a comprendín moito, pero saquei as ideas principais e en verdade é un conto interesante. Como non, xa sabemos que a historia sempre é contada polos vencedores e non polos vencidos, e por suposto que ao final a raíña Lupa deixa todo o pagán para converterse ao cristianismo pero, de verdade foi así? Isto tan só é unha lenda pero, e se soubésemos a realidade dos feitos históricos máis importantes?
Pois ese mesmo pensamento é o desexo que teño desde que son cativa e hoxe fíxose realidade.
Toda aquela semana Bea e máis eu cavilamos moitísimo sobre o tema e investigamos unha barbaridade na Internet. Onte pola tarde, aproveitei para abrir o ordenador e descansar un pouco vendo vídeos pero decateime dun que me chamou a atención. Resulta que ao día seguinte, ían facer unhas xornadas de excursións informativas e culturais ao Pico Sacro, e que pola noite farían unha representación teatral que nos transportaría a épocas antigas, e fíxoo, asegúrovos que o fixo.
A Bea encantoulle a idea de saír a camiñar polo famoso monte e como nos gustara a lenda que nos contaran no instituto decidimos probar a ver que tal esta experiencia. O percorrido fíxosenos bastante curto, porque xa o fixeramos un millón de veces, e a iso das 7 da tarde comezou o ritual teatral.
Puxeron unhas dez cadeiras na cima e outorgáronnos unhas campaíñas pequenas que resultaron ser unhas miniaturas das campás da catedral, algo ao que eu non lle dei moita importancia porque pensaba que eran como merchandising. O espectáculo non foi nada doutro mundo e a iso das 11 da noite xa estabamos todos en cadansúa tenda de campaña practicamente durmidos, pero algo raro ocorreu. Xa nos advertiran que estabamos no aire libre e que nos acostumásemos a escoitar ruídos pola noite, pero aínda así, se pasaba algunha urxencia había que achegarse ata o centro do cumio e facer soar as campaíñas para que se decatasen de que tiñamos un problema.
Entón, prosigo. Bea leva lentes, e andando polo traxecto ata a nosa tenda caéronselle. Cando ía recollelas do chan, mancouse contra unhas rochas. Doíalle bastante o brazo e pensamos que se lle pediamos unha pastilla para a dor aos guías e mañá xa iamos ao hospital estaría solucionado, entón fomos facer o protocolo de emerxencia.
Chegamos ao cumio central e sentimos unha especie de presenza paranormal. Deixámolo ir porque imaxinamos que tan só era algo relacionado con iso de que era un centro magnético, pero estaba claro que non era iso. En canto fixen vibrar o badalo da campá todo se puxo a dar voltas e dalgunha forma aparecemos nas covas subterráneas do Pico nunha especie de alxubes. O lado bo da historia eran as persoas que estaban alí.
Mulleres importantísimas para a historia como Ada Lovelace, Emilia Pardo Bazán, Jane Austen, a princesa Diana de Gales… Era o noso soño dende pequenas! Por fin poderíamos preguntarlles a verdade, eran reais!
Explicáronos que estaban atrapadas no tempo nestes calabozos, e a curiosidade sobre Santiago, dunha maneira ou outra fíxolles investigar e facer soar as campaíñas da catedral que reclamaban o mausoleo do Apóstolo. Ata que non atopasen a saída non ían poder regresar ao seu tempo.
Esa era a nosa misión, saber en que ano estabamos, atopar a saída e principiar unha conversa coas mellores mulleres da historia.



Ningún comentario:
Publicar un comentario