luns, 23 de febreiro de 2026

“Miña casiña, meu lar”, na voz de Martín Lago Villanueva

 

Iago Lago Villanueva (1º BACH B) achéganos a gravación de “Miña casiña, meu lar”, na voz de seu irmán Martín. 

IES Lamas de Abade (Santiago de Compostela) 

#_rdc_26 @aelg @CasadeRosalia 

Miña casiña, meu lar,

cantas onciñas

de ouro me vals.

Vin de Santiago a Padrón

cun chover que era arroiar,

descalciña de pé e perna,

sin comer nin almorzar.

Polo camiño atopaba

ricas cousas que mercar

i anque ganas tiña delas

non tiña para as pagar.

Nos mesóns arrecendía

a cousas de bon gustar,

mais o que non ten diñeiro

sin elas ten que pasar.

Fun chegando á miña casa

toda rendida de andar;

non tiña nela frangulla

con que poidera cear.

A vista se me varría

que era aquel moito aunar.

Fun á porta dun veciño

que tiña todo a fartar;

pedinlle unha pouca broa

e non ma quixo emprestar.

As bagullas me caían

que me fora a avergonzar.

Volvinme á miña casiña

alumada do luar;

rexistrei cada burato

para ver de algo atopar:

atopei fariña munda,

un puñiño a todo dar.

Vino no fondo da artesa,

púxenme a Dios alabar.

Quixen alcende-lo lume,

non tiña pau que queimar.

Funllo a pedir a unha vella,

tampouco mo quixo dar

si non era un toxo verde

para me facer rabiar.

Volvín triste coma a noite

a chorar que te chorar.

Collín un feixe de palla,

do meu leito o fun pillar.

Rexistrei polo cortello

mentras me puña a rezar

e vin uns garabulliños

e fieitos a Dios dar.

Meu San Antón milagroso,

xa tiven fogo no lar!

Arrimei o pote ó lume

con augua para quentar.

Mentras escaravellaba

na cinza, vin relumbrar

un ichavo da fertuna…

Miña Virxe do Pilar!

Correndiño, correndiño

o fun en sal a empregar.

Máis contenta que unhas páscoas

volvín a porta a pechar

e na miña horta pequena

unhas coles fun catar.

Con un pouco de unto vello

que o ben soupen aforrar

e ca fariñiña munda

xa tiña para cear.

Fixen un caldo de groria

que me soupo que la mar,

fixen un bolo do pote

que era cousa de envidiar.

Despois que o tiven comido,

volvín de novo a rezar

e despois que houben rezado

puxen a roupa a secar,

que non tiña fío enxoito

de haber tanto me mollar.

Nantramentras me secaba

púxenme logo a cantar

para que me oíran

en todo o lugar:

Meu lar, meu fogar,

cantas onciñas

de ouro me vals.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Book tráiler (XXVI): Fóra do normal, de María Reimóndez. Realizado por Elia Villar Rodríguez

  Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Fóra do normal , de María Reimóndez (col....